| Patrimonio |
|
|
|
| Wednesday, 08 de July de 2009 | |
|
PATRIMONIO
O patrimonio de Aguiño está presente en cada recuncho deste lugar, é inmaterial nas lendas, anécdotas, historias e memorias como sinalamos no apartado anterior sobre etnografía, pero tamén é material na grande cantidade de elementos e monumentos existentes en toda a parroquia. Poderiamos empezar citando os máis antigos que, naturalmente poderían ser os xacementos arqueolóxicos castrexos de Os Pericos (en Couso) e Porto Baixo (nos límites coa parroquia de Carreira). Alí atopáronse armas, ferramentas, cerámica de fai máis de vinte séculos; baixo as míticas e monumentais pedras de Couso, que supoñen en si mesmas un verdadeiro patrimonio natural e paisaxístico, temos o xacemento de Os Pericos, e o de Porto Baixo tamén á beira do mar rompente do Atlántico no que din que é o comezo da Costa da Morte, por fortuna este castro está aínda sen escavar, polo que se conservará practicamente na súa integridade, soamente podemos ver un muro que foi descuberto por un tractor que roubaba area a finais dos anos ´80 e unha pequena escavación arqueolóxica impulsada pola Xunta e o Concello de Riveira a principios deste século XXI. Falamos tamén da Pedra da Cruz que da nome ao barrio no que se atopa, afirman algúns que se trata dun altar de sacrificios cristianizado alá polo século XV ou XVI. Do Porto da Covasa, de orixe catalán ou fenicio, non podemos sabelo porque hai constancia da presenza dos fenicios nas nosas terras para explotar as Minas de estaño e chumbo da Graña (que tamén son patrimonio), pero seguramente, este pequeno embarcadoiro foi restaurado por Jerónimo de Hijosa ou os cataláns Colomer e Ferrer no S.XVIII ou IX para descargar ou cargar a salgadura dos almacéns de Sálvora, a Covasa, o porto de Aguiño, Anquieiro ou A Catía. Este patrimonio dos cataláns é tamén salientable e debería ser froito dunha investigación máis profunda. Podemos falar tamén dos hórreos, en Aguiño temos tres (o de Listres, o da Igrexa e o da Cruz), de cruceiros (o do Porto e o da Igrexa)…, e por suposto de pedras, das que temos un monte de referencias e nomes, cada un coa súa historia; o eiteiro Mariñeiro, a Pedra de Rascacú, o Home de Sagres, a Pedra da Tortuga, o outeiro da Catía, a Pedra do Cura, a Forcadiña, as pedras dos Castelos, a Dourixeira, as Móas, os Canteiros, a Queixada ou a desaparecida pedra do Vicanso… e por suposto de illas como a de Sagres, de Noro, de Vionta, do Carreiro ou a de Sálvora, pertencentes ó Parque Nacional Illas Atlánticas. Tamén temos os faros, como o de Sálvora construído en 1921 sobre o faro vello, o do Serriño ou o do Porto que data dos anos ´70 e o da escollera do carro que é de comezos deste século. Non esquecemos outras riquezas do noso pobo como a Capela e a fonte de Santa Catalina, o lavadoiro de Pinisqueira, o monumento aos Mariñeiros, as pontes do Carreiro, o busto de Don Francisco Lorenzo Mariño, a igrexa de Nosa Señora do Carme e un longo etcétera. Sen dúbida un patrimonio variado e importante que calquera persoa debería ver polo menos unha vez na vida. |
| Siguiente > |
|---|





