50 Aniversario

logo_50_aniversario.jpg

USUARIOS






¿Recuperar contraseña?
¿Quieres registrarte? Hazlo aquí
 
Secretaria Xeral de Política Lingüistica
50 Anos de Parroquia PDF Imprimir E-Mail
Saturday, 30 de May de 2009


Aguiño 1959-2009, 50 anos de Parroquia

Abrín os ollos nun fermoso sábado de maio, noveno día dos mes das flores, noveno día do mes da Virxe María, Nosa Señora do Carme, Patroa das xentes do mar, que foi bautizada en parroquia propia medio cento de anos atrás. Era mestre de cerimonias na antiga comunidade cristiá de Aguiño un párroco compartido con Carreira, pobo irmán, Don Julio Girón, que máis tarde iría para Artes e remataría os seus días en Cespón como sacerdote naquel pobo boirés.

Sample ImageRememoro a Don Alejandro Bello -que o coñecín nos meus anos mozos e os seus vellos- artífice orixinal da desmembración desta parroquia, é certo que amparado polo Arcebispo Quiroga Palacios e, auspiciado o feito por numerosos veciños e veciñas da nova entidade parroquial. Reunidos os párrocos do arciprestazgo de Postmarcos de Abaixo, deciden, que polo seu carácter pesqueiro, a proximidade ó mar, por non ter o municipio de Ribeira ningunha outra igrexa, templo ou capela adicada exclusivamente á Virxe dos mariños, e facéndose eco da demanda veciñal, era convinte propoñer a Santiago que Aguiño foxe Parroquia de ascenso, con dereito a párroco titular e vicario parroquial, a templo, rectoral e baixo a advocación da Nosa Señora do Carme, que se unía ás imaxes do Rosario, Sagrado Corazón de Jesús, San Antonio e Fátima, veneradas polos fieis na pequena Capela do Tío Justo.

Chegaba Francisco Lorenzo Mariño de sotana e alzacuellos o 30 de setembro do 1959, temeroso do Réxime coa malleira que lle deran en Sada por ser un cura obrero e comunista (que tampouco era tal, máis ben cristián e democrático no lugar de apostólico e romano), falando castelán ata a Pontella de Listres, logo xa galego por terlle ensinado Aguiño a ser cristián e galeguista (como el sempre defendeu, “Aguiño ensinoume e eu debo corresponderlle...”), sabida a lección foi aprendéndolla a todo o mundo ata o seu último día e defendéndoa Sample Imageata as últimas consecuencias. Déronlle a razón o Vaticano II, a Constitución, o Estatuto e máis tarde os numerosos recoñecementos e distincións que lle outorgaron. Foi activo Pastor e veciño, mariñeiro de terra, loitador da palabra, cultivou o sarcasmo como ningún outro, ensinante, mestre... e persoa, imperfecto e marabilloso ser humano. Pero Aguiño pariu tamén ilustres anónimos, mulleres e homes que co seu esforzo e traballo forxaron o noso destino, que tiveron inquedanza social fundando entidades, creando empresas... e ó que hoxe rindo tributo dende estas liñas, asemade, tamén quero deixar patente gratitude ós aguiñeses de adopción que deixaron a pegada na historia do noso pobo, xente como Camilo Rumbao, Matilde Alonso, Xosé Manuel Vieites, Xosé Sans, Flora do Roxo, Emilio Rodríguez, Manuel Crujeiras e tantos outros que non collen neste artigo pero que seguro, como a min tamén a vós vos veñen á memoria.

Sábado 9 de maio dunha nova centuria, dun milenio novo, dun espertar social e cultural do barrio carreirán de Aguiño que pasaría a ser unha vila mariñeira de grande transcendencia en tan só 50 anos, de 1.600 a máis de tres milleiros de habitantes, con lonxa, campo de futbol, confraría, farmacia, centro de saúde, casa da cultura, casa do mar, conservatorio, central telefónica... e un tecido empresarial forxado ó redor do mar que resalta polas industrias brancas, os peixes e os mariscos sobre moitas outras do País.

Sample ImageSexto día da semana, ou séptimo segundo o sabat xudeu, e coincidente con este sábado 9 de maio no que eu abrín os ollos para sentir a fachenda, a honra, o orgullo de sentirme de corazón, de alma e de cabeza un habitante do lugar das aguias, do pobo de Aguiño, e poder conmemoralo, celebralo e festexalo con todas e todos os veciños de Portus Aquiño naquel fermoso acto que tivo lugar na Igrexa Parroquial e no que todas e todos compartimos e rememoramos a comunidade forte e unida que Paco impulsou, defendeu e alentou ó longo da súa existencia; histórico día de festa no que nomeamos Aguíñés de Honra a Torres Queiruga, Aguiñes das Artes a Manuel Ayaso, Benefactor de Aguiño a Ricardo Pérez e Amigos de Aguiño a Pepe Chao, Dourado Deira e Manuel Espiña. Aquela xornada escribimos con letras de tinta salgada no ceo de Paco unha nova liña de saída, un novo horizonte de camiñar da man unidos polo obxectivo común de chegar ó centenario, ó século de historia, arrolados co son das gaitas e as bombas de palenque, co doce arrecendo dos maios floridos, o sabor na boca a mencía e a ribeiro, borrachos de amizade e gratitude unimos os corazóns nun único espíritu, sentirnos aguiñenses; agora chegou a quenda de non esquecer, de saber exercer a nosa responsabilidade, da promesa e do compromiso ético e moral coa nosa propia identidade, de traballar unidos para que non morra o que queremos, o que amamos, o Aguiño que medrou grazas a todas e todos, véxovos nas festas do Carme, véxovos na Romaxe, véxovos no compromiso social, cultural e veciñal, non me decepcionedes, non vos defraudedes a vós mesmos nen contrariedes á memoria histórica!

Unai González Suárez

 

 
< Anterior   Siguiente >

Colabora

Patrocinadores










AFLM

CONTADOR DE VISITAS